Concello de Teo

Portada | Actualidade | Novas

Imprimir Enviar

Novas

PXOM

O grupo de goberno considera "reprobable empregar as institucións para facer política de partido e tomar decisións que perxudican á totalidade do Concello de Teo"

28/01/2010
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, acompañado dos concelleiros do BNG que forman o goberno municipal, valoraron esta tarde nunha rolda de prensa a orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras na que se decide non aprobrar o PXOM de Teo e establecer novas restriccións ó documento.

Martiño Noriega explicou que neste momento “estamos terriblemente indignados polo que consideramos un engano da Xunta de Galicia, xa que nos últimos meses houbo unha interlocución técnica e política de cara a desbloquear o Plan Xeral”.

O grupo de goberno considera “reprobable empregar as institucións para facer política partidaria e tomar decisións que perxudican á totalidade da cidadanía de Teo”.  Antes e despois de remitir as últimas modificacións ó Plan, aprobadas en pleno o 15 de outubro de 2009, “existiron reunións técnicas e políticas coa Consellería e existía o compromiso de transmitir calquera distorsión técnica que se atopara no documento de cara a desbloquear unha situación que o Concello leva arrastrando nove anos, data na que se comeza a tramitar este Plan Xeral”.  

Neste momento, cando se recibe a orde sen ningún aviso previo, “a nosa actitude é de sorpresa e indignación e pensamos que existe unha deslealdade institucional e un engano” destaca o alcalde. De feito esta mañá o rexedor trasladou ese malestar telefonicamente á Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, a primeira persoa coa que falou cando veu a orde.  

O grupo de goberno entende que “hai un criterio político para paralizar o Plan Xeral en Teo xa que de existir vontade política e técnica e á vista inicial da nova orde podería terse dado unha aprobación parcial”. Dunha primeira análise do documento remitido pola Xunta dedúcese que de 48 restriccións en núcleos rurais considéranse tecnicamente resoltas 31 e de 28 obxecións na zona urbana considéranse solventadas 21. Ante esta situación “polo que resulta inexplicable que non se avalara unha aprobación parcial para desbloquear a situación”.

Esa hipotética aprobación parcial “permitiría desbloquear temas tan importantes coma o polígono industrial por poñer un exemplo ou a falta de equipamentos nas zonas urbanas” explica o rexedor. “É inexplicable que nunha situación de crise económica coma a actual exista un perfil na Xunta de tanta irresponsabilidade” di o alcalde.  

Lonxe dunha actitude constructiva “a Xunta mantén unha situación de bloqueo urbanístico que repercute nos intereses do conxunto do Concello”. Noriega supón que “a maioría do pobo galego cando lle deu a responsabilidade de gobernar ó señor Feijoo non lla deu para perxudicar ós propios votantes do Partido Popular de Teo”.     

Esta decisión “perxudica a todos” matiza o alcalde que afirma que “se dende as institucións autonómicas se toma decisións con repercusións graves na economía do Concello para que cheguen “salvadores” eu recomendaríalle ó Partido Popular que non xogue cos teenses xa que se poden sentir manipulados” continúa o rexedor.  

O alcalde destaca tamén que a nova orde “estudiarase en profundidade nos próximos días así como as responsabilidades xurídicas que se puideran derivar desta situación”. Apunta tamén que a Xunta “non tente escudarse en que só existiron criterios técnicos para tomar esta decisión xa que a orde enviada hoxe ó Concello ten moito menos peso técnico ca anterior”. 

Rolda de prensa da presentación da denuncia

+ Novas

© 2008 Concello de Teo