Segundo informes da empresa xestora do servizo municipal de abastecemento a ETAP de Pontevea, está ó límite da súa capacidade de producción. Ademais destácase que o consumo increméntase cada ano, e destácase que durante os meses de verán consúmese un 35% máis que no inverno. Nestes últimos días os rexistros do consumo diario fixeron “saltar as alarmas en canto ó abastecemento e ante unha situación que pode ser problemática durante os meses do verán”.
Dende o Concello pídese “un consumo responsable nos vindeiros meses, sobre todo no que se refire a piscinas privadas e sistemas de rego”. De feito o goberno municipal xa deu orde de limitar o tempo de rego en zonas verdes públicas. “Sen querer parecer alarmistas, a gravidade da situación actual fai que non se descarte que durante o verán se produzan cortes puntuais de auga” explica Rafael Sisto, concelleiro de urbanismo e obras.
Ademais do incremento progresivo do consumo e da suba de abonados ó servizo municipal de auga potable o problema radica nas limitacións que ten a ETAP para abastecer a auga necesaria para o municipio, que se acadaría cun forte investimento económico. Esta mesma semana o alcalde de Teo, Martiño Noriega, reuníase coa presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, para trasladarlle entre outros temas a situación do suministro de auga en Teo e a necesidade dun forte investimento económico supramunicipal, superior ó millón de euros.