No Boletín da provincia o Concello publica a normativa e as ordenanzas do PXOM teense. Nos diferentes títulos que se recollen no anuncio preséntanse diferentes aspectos como o desenvolvemento e execución do Plan, a súa vixencia, os tipos de solo ou de edificación, as normas xerais de edificación, as normas de protección de sistemas naturais e patrimonio cultural, as condicións de urbanización....
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, explica que con este trámite “péchase un capítulo longo para o Concello de Teo que xa dispón dun instrumento para o seu desenvolvemento futuro”. Neste senso “comezarase a traballar de xeito inmediato no desenvolvemento do solo industrial situado na zona de Montouto”. Neste momento moitas empresas do Concello “están deslocalizadas por non ter unha alternativa real de ubicación no seu municipio” matiza o rexedor.
O Plan Xeral de Ordenación Urbanística aprobouse pola corporación teense no pleno do 20 de abril de 2010.