Novas
SESIÓN
O pleno da corporación teense elixirá o novo xuíz de paz do Concello
27/07/2010
A corporación teense reúnese este mércores 28 de xullo para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión realízase por primeira vez no salón de sesións da Casa Consistorial despois da súa reforma. O salón dotouse de mobiliario nas últimas semanas que inclúe a instalación dun equipo de son preparado para a gravacións das sesións. Deste xeito vólvese celebrar a sesión no seu lugar habitual.
Un dos puntos que se tratarán no pleno será a elección e nomeamento do novo xuíz/a de paz do Concello. Unha vez iniciado o proceso para elección de xuíz de paz foron presentadas no Concello cinco solicitudes para este posto. Na sesión realizarase a votación na que cada concelleiro votará polo candidato da súa preferencia xa que non se presenta unha única proposta pechada.
Outro dos puntos destacados da sesión será unha moción do BNG na que se busca un posicionamento da corporación sobre o reparto de fondos dos programas de cooperación da Xunta de Galicia. Nas últimas semanas o alcalde de Teo, xa manifestou a súa crítica contra o reparto “arbitrario” dos fondos para a contratación de persoas desempregadas. A moción nacionalista insta á Xunta a que se establezan unhas bases que garantan un reparto xusto dos fondos dos programas de cooperación destinados aos concellos.
A orde do día ten os seguintes puntos:
- Aprobación das actas das sesións do 04.05.2010, 26.05.2010 e 30.06.10.
- Dar conta das resolucións da alcaldía (da 470/10 á 588/10).
- Ditame da moción do BNG sobre os programas de cooperación da Xunta de Galicia.
- Ditame da proposta da alcaldía para proceder é elección e nomeamento de xuíz de paz de Teo.
- Ditame da moción do PP sobre o real decreto do carbón.